Menú de accesibilidade con accesos directos a menús e contidos

Inicio Sirgo Torcendo Logotipo de Sirgo Torcendo

Menú de selección de idioma Menú principal coas seccións fundamentais da web

Grupo Ouriol

volver

Palabra, música, imaxe

O grupo Ouriol está formado polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, xunto á poeta e recitadora Eva Veiga. Aínda que os seus integrantes desenvolveron por separado unha longa e frutífera traxectoria profesional, o grupo constituiuse como tal no ano 2000. Dende entón veñen realizando proxectos moi diferentes, mais co denominador común de conxugar música e palabra poética nun mesmo espazo e nun mesmo tempo co fin de acadar unha experiencia estética o máis integral posible.

Convencidos de que a vocación última de toda arte é a de comunicar e ser comunicada, a pretensión fundamental do grupo Ouriol é chegar a todos os públicos, dende rapaces a adultos. Para iso traballan con entusiasmo e rigor, compondo ex profeso a música polos propios intérpretes e facendo unha ben estudada escolla dos textos de modo que a actuación resulte amena e teña unha coherente unidade de forma e contido. Por outra parte, cada un dos espectáculos adoita incluír proxeccións visuais e outros elementos escenográficos do artista Alfonso Costa.

En todos os seus espectáculos, o obxectivo esencial do grupo Ouriol consiste en comunicar do modo máis eficaz – significativa e esteticamente- a poesía das autoras e autores escollidos.

A escolma, o recitado

Para cada un dos espectáculos ten lugar un proceso previo no que o grupo se sumerxe nun universo poético do que aprehender a esencia. Un proceso de estudo e de busca emocional daqueles momentos de cada poeta ou liña poética que máis poden conmover ao público.

A recitación dos poemas –a cargo de Eva Veiga- introdúcese e mestúrase con breves textos máis narrativos –non por iso menos poéticos- que axudarán ao público a contextualizar tanto os autores como as súas obras. Son textos que permiten así mesmo determinadas inflexións no ritmo do recital.

Música creada en directo

Un ritmo recitativo que, en calquera caso, dáse en perfecta avinza coa música interpretada en directo polos propios compositores, Bernardo Martínez e Fito Ares.

A música non é só un acompañamento, senón un acordo creativo que explora as insólitas posibilidades poéticas dos instrumentos de vento –frauta, saxo e clarinete-, de percusión e de outros mecanismos, como os xoguetes musicais.

Trátase, en efecto, de facer música, pero entendida esta no amplo sentido de “sonoridade”. Sonoridades que conforman atmosferas porosas nas que, xunto á propia música e á palabra, se mergulle o público en sensible respiración.

Elemento visual

Atmosferas igualmente constituídas en aparencia e intensidade por unha axeitada iluminación e por unha estética visual baseada en proxeccións de imaxes realizadas polo artista Alfonso Costa. Estas proxeccións consisten en dous apartados ben diferentes: o que se refire á introdución do contido do recital e que contén, ademais de grafismos alusivos aos poetas, material fotográfico e de vídeo; e, por outra parte, o que se refire ao decurso do recital propiamente e que se compón de sucesivas obras pictóricas do recoñecido artista. Estas imaxes, de índole abstracta, teñen como obxectivo contribuír á creación de atmosferas e asemade achegarse dun xeito plástico á interpretación dos poemas.

  • Axenda

  • 24 / 5 / 2011
    Especial Lois Pereiro
    Teatro Alovi, As Pontes
  • 27 / 5 / 2011
    Especial Lois Pereiro
    Casa da Cultura, Noia
  • 4 / 6 / 2011
    VI Encontro coa arte
    Casa da Cultura, Brión
  • 20 / 6 / 2011
    Soños e poemas de Cirlot
    Casa do Libro, Vigo
  • 16 / 11 / 2011
    Especial Lois Pereiro
    Santiago de Compostela
  • 26 / 11 / 2011
    Elas Falan
    Auditorio Usos Múltiples, Muxía
  • 1 / 2 / 2012
    O sexto sentido
    Jazz Filloa, rúa Cega, A Coruña
  • 23 / 3 / 2013
    Vagalumes no vento
    Biblioteca pública de Marín

Foto espectáculo Ouriol

Foto espectáculo Ouriol

Foto espectáculo Ouriol

  • Eva Veiga
    Recitado
    Bernardo Martínez
    Clarinete e percusións
    Fito Ares
    Frauta traveseira

© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management