Os seus membros exploran e conviven con universos musicais diversos e ricos, como o jazz, a música antiga, a música latinoamericana ou a música tradicional.
Considerando esa diversidade e o contacto entre estes universos “alleos”, e ao tempo tan próximos, como unha fonte de enriquecemento e de integración, propoñen a súa actividade artística como un campo de experimentación, de mestura e gozo compartido. Os fíos condutores do programa son, duna banda, a influencia da música popular, desde a música afroamericana ata a música de países latinoamericanos (Cuba, Brasil, Venezuela, Arxentina), a través da esencialización e reutilización de elementos característicos do seu substrato musical e, doutra banda, a reinterpretación e o achegamento ao repertorio tradicional, tanto galego coma doutras culturas, desde unha perspectiva actual e propia.
FELISA SEGADE
Artista destacada no eido da música tradicional galega. Compaxina a súa actividade musical coa docente, e deu cursos de canto, percusión e danza tradicional en Galicia, Cataluña, País Vasco, Bélxica, Alemaña, Suíza e Portugal. Como integrante dalgunhas das máis representativas agrupacións de música tradicional de Galicia, recibiu numerosos premios, coma o Agapi ou o Premio de la Academia de las Artes y de las Ciencias de la Música. Na actualidade é membro de Leilía e de Brincadeira. A súa discografía é ampla, tanto con Leilía coma en colaboracións, tamén audiovisuais, con artistas coma Emilio Cao, Kepa Junquera, Milladoiro ou Xosé Manuel Budiño.
LORENZO DE LOS SANTOS
Formouse nos conservatorios de Pontevedra, Vigo, Barcelona e Vilaseca (Tarragona), e proseguiu a súa formación en Stuttgart e na Musikhochschule de Karlsruhe. Licenciado en Xeografía e Historia, obtén o título superior de Piano e o de Música de Cámara, así como o diploma de estudos avanzados na área de Música. Participou en concertos como solista e como integrante de diversas agrupacións camerísticas e orquestrais.
JUAN CAÑADA VALVERDE
Estuda no Conservatorio de Madrid e amplía os seus estudos na Escola Superior de Música Raíña Sofía. Pertenceu á JONDE e á Orquestra Nova dos Conservatorios de Europa. No terreo profesional colaborou coas orquestras da RTVE, a Sinfónica de Castela e León, da Comunidade de Madrid e a Filharmonía de Galicia.
JAVIER BARRAL CARRO
Estudou con músicos españois, cubanos e americanos, entre os que destacan Paco Charlín, Abe Rábade, Ramón Ángel, Miguel Zenón, Nasheet Waits ou Ari Hoenig entre outros. Participou en multitude de grupos de jazz, funk ou percusión, como Travel Hats, Papaia Cola, Jato Nejro Jazz Trio ou ou grupo de folk Vicus Spacorum. Actualmente, forma parte do trío de Pablo Seoane, Jazztete, Jose Nine Cuarteto, a St. James Street Band, ademais de compaxinar as actuacións con diversas actividades docentes.
FERNANDO REY MAYO
Comeza a estudar Trompeta aos oito anos de idade na súa vila natal, Negreira. Agora, vinte e dous anos despois, segue a ter a mesma ilusión por aprender un pouco máis cada día.
(135 kb)
© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management