E deste nome tamén xorde o seu espírito, un gusto polo descoñecido en todas as súas formas: a experimentación de sonoridades diversas, a busca de repertorio, o redescubrimento dos “clásicos”, etc.
Nos “descoñecidos” atopamos a músicos que participaron en diversos proxectos musicais conxuntos nos últimos anos, unidos polo pracer de traballar xuntos e cuxa única ambición neste novo grupo é a de transmitir unha visión entregada e coherente das obras que interpretan, marcada por unha comuñón de sensibilidades e gustos diversos.
Despois dos numerosos premios que conseguiron coa súa primeira gravación dedicada á integral dos concertos para violín de Bach publicada por Zig-Zag Territoires en 2006 (Choc du Monde de la Musique, 10 de Répertoire, CD der Monat deToccata), o grupo presentouse en prestixiosas salas de concerto e festivais de música antiga, como a Ópera de Monte Carlo, Théatre de la Ville (París), Festival Via Stellae, Bach Biennale de Weimar ou Festival de Sablé.
A crítica acolleu o seu segundo compacto, dedicado ás Catro estacións e concertos inéditos para violín de Vivaldi, publicado en setembro de 2008, como unha “renovación” da discografía vivaldiana, e durante varias semanas encabezou as listas de vendas de música clásica en Francia.
AMANDINE BEYER
Nada en Aix en Provence (Francia), comezou a estudar música aos catro anos, primeiro frauta de pico, e máis tarde, violín na clase de Aurélia Spadaro. Aos quince anos ingresa no Conservatoire National Supérieur de Musique de Paris, no que obtivo un primeiro premio en 1994, ao mesmo tempo que cursa estudos de musicoloxía (tese sobre K. Stockhausen en 1996). Despois continúa os seus estudos na Schola Cantorum de Basilea (Suíza), na clase de Chiara Banchini, e recibe igualmente as ensinanzas doutros profesores como Christophe Coin, Jesper Christensen, Jean Goverts, Raphaël Oleg e Hopkinson Smith. A esta especialización nos diferentes estilos renacentistas e barrocos e da historia da interpretación, uniu tamén a práctica da fídula medieval no que era o grupo de referencia do momento, Mala Punica (dirixido por Pedro Memelsdorff), co que grava varios discos para as discográficas Erato e Harmonia Mundi.
A súa carreira internacional comezou como solista con numerosas orquestras (Ensemble 415, Le Concert Français, Accademia Montis Regalis) e ao carón de músicos como Giuliano Carmignola, Chiara Banchini ou Pierre Hantaï.
Converteuse en concertino de grupos como Al Ayre Español (E. Lopez Banzo), La Fenice (J. Tubéry), Le Concert Français (P. Hantaï), etc., e toca nos festivais e teatros máis importantes do mundo: Cloister (Nova York), Théatre du Châtelet, Maison de la Radio e Théatre de la Ville (París), Gewandthaus (Leipzig), Festival de Ambronay, Teatro Regio (Turín), Konzerthaus (Viena), Auditorio Nacional e Teatro Real (Madrid), Palau da Música (Valencia), Coliseu (Porto), Folle Journée de Nantes e Bilbao, entre outros.
Durante a súa actividade musical, recibiu diversos galardóns. En 1998, co seu grupo L’Assemblée des Honnestes Curieux, obtivo o primeiro premio e o premio especial do xurado do concurso de Roveretto (Italia). En 2000 nomeárono “laureada” da Fundación Juventus, que reúne os novos solistas europeos máis prometedores, e na que se presenta coas súas dúas pianistas predilectas, Laurence Beyer e Edna Stern. En febreiro de 2001 gaña o primeiro premio do Concurso Internacional Antonio Vivaldi de violín barroco, en Turín.
Tamén se interesa pola pedagoxía, como profesora dos cursos da Academia Montis Regalis (Mondoví, Italia), así como desde 2004 en Barbaste (Francia) e no departamento de música antiga da ESMAE de Porto (Portugal). Gravou máis dunha vintena de discos para Zig-Zag-Territoires, Erato, Harmonia Mundi France, Alpha e Opus 111, así como para numerosas radios e televisións europeas: France Musique, France Culture, Radio Classique, WDR, ORF, Arte, Mezzo, France 3, RAI, etc. Varias destas gravacións obtiveron as distincións da crítica internacional (Diapason d’Or, Choc du Monde de la Musique, 5 Estrelas de Goldberg, Recomendado de Scherzo para o seu disco dedicado a Jean-Ferry Rebel en Zig-Zag-Territoires). En 2007 gravou para Zig-Zag-Territoires a integral dos concertos para violín de Bach co seu novo grupo Gli Incogniti, disco que recibe excelentes críticas: Choc du Monde de la Musique, 10 de Répertoire, CD der Monat Tocatta, etc. En setembro de 2008 publicouse un compacto dedicado ás Catro estacións e concertos inéditos para violín de Vivaldi.
(139 kb)
© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management