Fieis á súa idea de trasladar a todo tipo de oíntes o mesmo entusiasmo que eles senten polo repertorio existente para o cuarteto de corda, levan ofrecido un gran número de concertos por toda a xeografía galega.
O Cuarteto Ephimere realizou diversas gravacións discográficas como a Suite negra sombra, a colaboración no disco do grupo Malvela ou a banda sonora da curtametraxe Despierta.
MARIO PERIS SALOM
Nace en Tavernes de la Valldigna (Valencia), onde comeza os seus estudos de Violín con Daniel Albir, que remata no RCSM de Madrid con Juan Llinares. Posteriormente, estuda na Universidade de Madison (EUA) co profesor Vartan Manoogian. Realizou cursos de perfeccionamento de Violín e Música de Cámara con Agustín León Ara, Félix Ayo, Jesse Levine, Yosef Sivoni, Ferenc Rados, etc.
Actuou como solista coa Orquestra Clásica de Vigo, coa Orquestra de la Valldigna e, desde o ano 2000, é primeiro violín do Cuarteto Ephimere e membro do Ensemble Vigo 430, actividades que compaxina coa docencia no CMUS Superior de Vigo.
ROSA GAYOSO
Comeza os seus estudos musicais á idade de cinco anos no Conservatorio Antonio de Cabezón de Burgos estudando Piano e Violín. Obtén as titulacións superiores de Violín, Linguaxe Musical e Música de Cámara, ademais do título profesional de Piano. Na súa formación como violinista recibe clases de mestres coma Robert Plasche, David Quiggle, Armando Toledo, Yuri Nasushkin, Laura Quintillán e Mario Peris. Foi membro da Orquestra da Comunidade Autónoma de Galicia.
Paralelamente, desenvolve actividades camerísticas en distintas agrupacións, tanto na súa faceta de pianista coma na de violinista. Participa ademais nos Encontros de Música de Cámara organizados pola Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección artística de David Etheve e James Ross. Recibe clases maxistrais de Félix Ayo, Vladimira Smausova, Ángel Sanpedro, Bárbara Hamilton e Sergio Castro entre outros.
No ano 98 funda, xunto con José Manuel Fernández e Moisés Quintas, o grupo Trasmundi co que edita un CD. Colabora asiduamente con distintos grupos e participa en gravacións (Liorna, Real Banda de Gaitas). No ano 2000 é membro fundador do Cuarteto Ephimere, no que participa como violín segundo.
Na actualidade compaxina estas actividades cos estudos de doutoramento tutelados por D. Luis Costa e o labor pedagóxico que desenvolve como profesora de Linguaxe Musical e Acompañamento no Conservatorio Profesional de Música de Vigo.
JAVIER ESCOBAR
Nace en Vigo en 1968. Realiza os seus estudos de Viola no Conservatorio de Vigo con Manuel Martínez, e obtén as máximas cualificacións en Viola e Música de Cámara. Posteriormente, amplía os seus estudos con David Quiggle, e recibe ademais clases maxistrais de Jessee Levine, Ludwig Hampe e Françoise Gneri. Recibiu tamén clases de Música de Cámara de músicos coma Michael Thomas, Charles Tunnel, Norbert Blume e Vartan Manooghian.
Formou parte da Orquestra Clásica de Vigo, da Xoven Orquestra de Galicia e da Joven Orquesta Nacional de España, ademais de colaborar en numerosas ocasións coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia. Actualmente é profesor de Viola e vicedirector do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, actividade que compaxina co Cuarteto Ephimere e o Ensemble Vigo 430, do que é fundador.
ISABEL FIGUEROA LORENZO
Natural de Vigo, comeza os seus estudos de piano e violonchelo nesta cidade e os continúa en Santiago de Compostela, Holanda e Portugal. Actualmente especialízase en violonchelo barroco no departamento de Música Antiga na ESMAE de Porto, compaxinando esta actividade co seu traballo no Conservatorio Profesional de Vigo, como membro do Cuarteto Ephimere e do Ensemble Vigo 430.
(138 kb)
© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management