Nacido en Holguín (Cuba), comeza os seus estudos de piano na súa cidade natal co mestre ruso Serguei Leschenko, do que recibe unha sólida formación técnico-musical e interpretativa.
Posteriormente continúa os seus estudos na Escola Nacional de Arte de La Habana co mestre César López Zarragoitía e no Instituto Superior de Arte de La Habana co mestre Roberto Urbay. Conxuntamente cos seus estudos de piano cursa estudos de Canto Lírico no Instituto Superior de Arte de La Habana co mestre Hugo Marcos, prestixioso barítono cubano. Posteriormente, realiza estudos de interpretación con importantes mestres, dentro dos que destacan: Cursos de Música Española con Manuel Carra; Cursos internacionais de interpretación musical para piano e música de cámara con Georgui Fedorenko e os Cursos de verán da Escuela Superior de Música “Reina Sofía” con Russell Sherman.
O seu repertorio como pianista concertista abrangue os xéneros e estilos mais representativos da música para piano, desde o Barroco até a música contemporánea, incluindo, dentro das diferentes épocas, a música cubana, española e latinoamericana. Ademais, colabora con destacados instrumentistas e cantantes líricos, polo que o seu repertorio amplíase ao terreo da música de cámara e o acompañamiento vocal e instrumental.
Obtén ao longo da súa carreira varios premios en concursos e festivais entre os que destacan: Primeira Mención na VII Edición do Concurso Nacional para jóvenes pianistas "Amadeo Roldán", La Habana; Primeiro Premio na VIII Edición do Concurso Nacional para xóvenes pianistas "Amadeo Roldán", Santiago de Cuba; Primeiro Premio no Concurso de Música Francesa do Instituto Superior de Arte de La Habana; Segundo Premio no Concurso Nacional "Alejandro García Caturla", La Habana; Primeira Mención no Concurso Internacional de Piano de Ibiza e Premio "Andrés Segovia-José Miguel Ruiz Morales" no XLI Curso Internacional de Música Española "Música en Compostela", Santiago de Compostela.
En 1996 comeza a súa carreira artística realizando xiras de concerto por diferentes teatros e auditorios de Cuba e Europa, sendo invitado a participar en diversas temporadas de concerto e festivais en La Habana, Santiago de Cuba, Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Madrid, Albacete, Marbella e Lisboa. Na edición do Festival Are-More de Vigo de 2006, participa na interpretación, xunto a outros pianistas, da integral das Sonatas para piano de Wolfgang Amadeus Mozart con motivo do 250º aniversario do seu nacemento.
En Marzo de 2004 grava un CD adicado a grandes compositores da música cubana, A la antigua, xunto á soprano Pilar Moráguez co selo discográfico Columna Música de Barcelona. En 2005 realiza una xira promocional por España e Portugal con motivo do lanzamento do disco.
Actualmente é profesor de piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo, labor que compaxina coa súa carreira como pianista concertista.
© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management