Catalina en Polonia presenta un programa con obras de Granados, Monpou, Moreno Torroba, Barbieri, Chueca... interpretadas pola magnífica soprano de voz cálida, limpa e de intensas coloraturas e a nova promesa Justyna Danczowska, unha intérprete dunha grande musicalidade e temperamento, que afronta o repertorio español con grande gusto e expresividade, ofrecendo un son puro e brillante.
ARACELI FERNÁNDEZ GONZÁLEZ, soprano coloratura
Nada en Vigo, cursa estudos de violín, guitarra, percusión e canto con Teresa Novoa no Conservatorio Superior de Música de dita cidade. Posteriormente trasládase a Basilea, onde estuda na Schola Cantorum con Richard Levitt, René Jacobs e Kurt Widmer. Traballa tamén o repertorio operístico con renomeados cantantes de ópera como Mirella Freni, entre outros. Soprano coloratura abrangue moi diferentes estilos e épocas, sendo o seu repertorio principal a zarzuela, a canción española, a ópera e a música de cámara barroca.
Debuta no teatro de Basilea con Il pastor Fido de Monteverdi, J. Peri, baixo a dirección de Anthony Rooley, e a partir de entón comeza a súa actividade profesional en ópera, zarzuela e oratorio, actuando en teatros como Eckhof Theater zu Gotha, Tonhalle Zürich, KKL Luzern ou o auditorio de Dijon, entre outros.
Realizou numerosos recitais de zarzuela, canción española, arias de ópera italianas e francesas e música de cámara barroca en Centroeuropa, Arxentina e Xapón. Colabora con importantes batutas, como Kurt Masur, Christoph Coin, David Zimman, Jean-Marie Curti ou Anthony Rooley, entre outros.
Actualmente, canta con diferentes grupos música de todos os estilos e épocas e forma un dúo coa pianista Justyna Danczowska. Colabora tamén en diferentes formacións de teatro e dedica parte do seu estudo á improvisación vocal jazzística.
JUSTYNA DANCZOWSKA, piano
Nada en Cracovia (Polonia), comeza a tomar clases de piano con só seis anos. Máis tarde ingresa no Instituto Musical, onde obtén o seu diploma no ano 2000. Posteriormente trasládase a Basilea, onde estuda no Conservatorio Superior de Música con Krystian Zimerman e, no ano 2004, obtén o diploma de pianista concertante. Actualmente estuda no Conservatorio Superior de Música e Teatro de Zürich con Konstantin Scherbakov.
Justyna Danczowska realizou o seu primeiro concerto con orquestra como pianista solista aos doce anos e gañou numerosos concursos de piano en Polonia, entre outros, o primero premio no concurso celebrado en Plock, en 1997, para pianistas novos, así como dous premios adicionais, un á mellor interpretación dunha sonata de Beethoven e outro á mellor interpretación dunha fuga de Bach. En 1998 gañou o primeiro premio no concurso internacional “Chopin" para pianistas novos.
No concurso, tamén para pianistas novos, celebrado en Cracovia no ano 1999, gañou o primeiro premio así como un premio adicional á mellor interpretación dunha obra contemporánea. En Suíza gañou o premio de promoción Orpheus 2002 en Zürich, o premio especial do xurado no concurso de música de cámara “Xuventudes musicais“ en 2002 en Neuchâtel e o terceiro premio no concurso de música de cámara “Migros Kulturprozent”, no 2003 en Zürich.
Actualmente ofrece numerosos concertos como pianista solista en Centroeuropa e traballa no repertorio de zarzuela e canción española formando dúo coa cantante Araceli Fernández.
(136 kb)
© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management