A formación, composta por músicos formados nos centros máis prestixiosos de Europa (CNSM de París, Koninklijk Conservatorium da Haia ou a ESMAE de Porto), ten unha base instrumental de frauta clásica de oito chaves, violonchelo barroco e pianoforte, un instrumento construído en Francia polo afamado construtor de claves e pianofortes Jacques Braux, copia dun pianoforte creado por Stein arredor de 1780.
MANUEL MORALES
Obtén o título superior de Frauta Travesa no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid (con Joaquín Gericó) coas máximas cualificacións e mención de honra fin de carreira. Paralelamente estuda en Barcelona con Magdalena Martínez, solista da Orquestra Ciutat de Barcelona. Posteriormente trasládase a Holanda, onde se gradúa en Frauta Travesa no Real Conservatorio da Haia en 1996 con Rien de Reede (Real Orquestra do Concertgebouw de Amsterdam) e Thies Roorda (Orquestra Sinfónica da RTV de Holanda).
Foi durante cinco anos solista da Orquestra Sinfónica de León Odón Alonso. Asistiu a cursos coas principais figuras do seu instrumento, como Peter-Lukas Graf, Aurèle Nicolet, William Bennett ou Peter Lloyd (coa JONDE), entre outros.
En 2001, como membro do quinteto de vento Paul Hindemith, obtén o terceiro premio no II Concurso Internacional de Música de Cámara Guadamora, en Pozoblanco (Córdoba). Foi profesor de Frauta Travesa no Conservatorio Cristóbal Halffter de Ponferrada (León) e, na actualidade, é profesor de Frauta Travesa, Repertorio Orquestral (Frauta), Traverso e Evolución Estilística do Repertorio Frautístico, no Conservatorio Superior de Música de Vigo (Pontevedra).
Desde o comezo dos seus estudos musicais tivo interese polas frautas antigas, o que finalmente o levou a trasladarse ao Real Conservatorio da Haia (Holanda), onde se graduou en Traverso Barroco en 1998 con Wilbert Hazelzet, unha das personalidades deste instrumento máis internacionalmente recoñecidas.
Ademais, asistiu a cursos de Traverso con Barthold Kuijken, Frank Theuns, Agostino Cirillo, Jorge Caryevschi e, sobre todo, Rachel Brown, que exerceu unha grande influencia na súa formación. En 2001 obtén o terceiro premio na prestixiosa Baroque Flute Artist Competition, que tivo lugar en Dallas (EUA), concurso trienal organizado pola National Flute Association estadounidense.
Colaborou cos grupos de música antiga Arte Mínima de Vigo, Cámara 18 e Orquestra Barroca de Salamanca, Estil Concertant de Valencia ou Barroca Arte Cordis de Valladolid, entre outros. Deu concertos por toda España, tanto coa frauta moderna coma coas históricas. Recentemente presentou concertosconferencias (na III Concentración de Frautas Travesas de Castela e León e no Conservatorio Superior de Música de Valencia) sobre a evolución da frauta travesa, interpretando repertorio orixinal para o instrumento a solo con réplicas de frauta renacentista, barroca de tres e catro corpos e clásica de oito chaves.
ISABEL FIGUEROA
Comeza os seus estudos de piano e violonchelo en Vigo á idade de oito anos, e, posteriormente, estuda na Coruña e Santiago de Compostela e obtén o título profesional de Piano e o título superior de Violonchelo co profesor Dalibor Sebéstik, ao tempo que é bolseira da Xoven Orquestra de Galicia, coa que toca por toda a xeografía galega.
De 1996 a 2000 prosegue os seus estudos de violonchelo e música de cámara na Hogeschool voor de Kunsten en Utrecht (Holanda) con Elías Arizcuren e Jeroen den Herder. Interesada desde sempre na interpretación da música antiga, asiste a numerosos cursos con profesores como Gaetano Nasillo, Itziar Atutxa, Rainer Zipperling, Antoine Ladrette ou Marion Middenway. Desde 2005 cursa estudos na especialidade Violonchelo Barroco na Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto-Esmae (Portugal) cos profesores Marco Ceccato, Ana Mafalda Castro e Pedro Silva. Toca habitualmente na Orquestra Barroca da Universidade de Salamanca (baixo a dirección de Pedro Gandía), Orquestra Barroca da Esmae (Portugal) e no grupo Udite Amanti, dirixido por Ana Mafalda Castro.
Na actualidade, compaxina o seu traballo como profesora no Conservatorio Profesional de Vigo coa súa actividade concertística na orquestra de cámara Ensemble Vigo 430 e no Cuarteto Ephimere.
PATRICIA REJAS
Comeza os seus estudos musicais aos cinco anos no Conservatorio Profesional de León, onde obtén o título de profesora de Piano. Continúa os seus estudos superiores no Conservatorio Superior de Oviedo con Mª Teresa Pérez, e, na Escola Superior de Música Jesús Guridi, de Vitoria, con Albert Nieto, onde obtén o título superior de Piano e, posteriormente, o de Música de Cámara coas máis altas cualificacións.
En novembro de 1996 ingresa no Conservatorio Nationale de Règion de París (Francia) para perfeccionarse no estudo do pianoforte baixo a dirección de Patrick Cohen. Recibiu consello de profesores do nivel de Esteban Sánchez, C. Elton, R. Bravo, A. Cano, F. Gevers, E. Kolodin, R. Levin…
É seleccionada pola Fundación Barrié de la Maza e pola Junta de Castilla y León para entrar nos seus ciclos de concertos, tanto como solista coma formando parte de distintas agrupacións instrumentais. Tamén foi bolseira para asistir aos cursos de verán de Santander, formando parte do Trío Addendum. Actualmente continúa o seu estudo especializado dos instrumentos históricos e impartiu cursos sobre a evolución do piano e sobre o período clásico en Vigo, A Coruña e Zaragoza, realizando un amplo traballo de investigación.
Recentemente, coa integral das sonatas para pianoforte de Mozart, realizou unha xira de concertos por diversas provincias españolas. Foi profesora de Piano nos conservatorios Cristóbal Halffter de Ponferrada (León) e Superior da Coruña, e, na actualidade, do Conservatorio Superior de Vigo.
(144 kb)
© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management