Menú de accesibilidade con accesos directos a menús e contidos

Inicio Sirgo Torcendo Logotipo de Sirgo Torcendo

Menú de selección de idioma Menú principal coas seccións fundamentais da web

Abraham Cupeiro

volver

Os sons esquecidos

Os Sons Esquecidos pretende ser unha viaxe no tempo, unha volta a fontes orixinais para fundilas co contemporáneo e crear un discurso novo e sorprendente.

Neste proxecto, mistúranse instrumentos de épocas pretéritas cos instrumentos e sons dunha orquestra moderna, sacándoos do contexto orixinal para o que foron concibidos.

Así, poderemos escoitar o carnyx (instrumento de guerra), a evocar o son de sereas, dos delfíns ou do mar ou integrado en obras descritivas e orixinais compostas polo propio Abraham; a corna, a evocar cantos populares improvisados ou a uillean pipe que, neste casto, se emprega para interpretar a Aria da Suite en Re de J.S. Bach. A música popular está tamén representada con instrumentos procedentes de diferentes países e toma forma no programa a través das Danzas Romanesas de Bartók. Combinacións de estilos musicais e instrumentos, tan distantes no espazo e tempo, como o tango e o cornetto, preséntanse en concerto, con tal naturalidade que semellase un e outro pertenceren á mesma época.

En definitiva, Os Sons esquecidos representa a procura da esencia, do primario, a evocación de sons que resoan no noso interior, que resoan na natureza. Unha viaxe pola historia e os sentimentos enraizada no presente. Un proxecto que viu a luz en 2014 e se materializou en 2016 cunha gravación realizada conxuntamente coa Real Filharmonía de Galicia. A compañía Warner Classic mostraría deseguido interese polo proxecto, sendo editado, por este selo en 2017.

O proxecto preséntase en diferentes formatos, para acompañar, desde unha orquestra sinfónica, a un cuarteto, e para ser realizado nun auditorio ou en espazos abertos.

Abraham Cupeiro é construtor e multiinstrumentista. O seu interese céntrase na recuperación de instrumentos perdidos no tempo, cos que procura novas sonoridades, ao empregalos para a interpretación de repertorios, en principio, alleos a estes. Estudou trompeta no conservatorio superior de música de Madrid e realizou un máster en interpretación en Música Antiga, na Universidade Autónoma de Barcelona. A pesar da súa formación ser clásica, sentiuse sempre atraído por todo tipo de músicas e formou parte de grupos de moi diverso signo, abranguendo desde o folk, até o jazz ou a música antiga.

Como instrumentista destaca por ser unha das poucas persoas que toca o carnyx (trompeta celta da Idade de Ferro). Recentemente foi convidado para probar o carnyx de Tintignac, o único exemplar que se conserva enteiro e que foi descuberto por arqueólogos no 2004. É, ademais, impulsor dun instrumento ancestral na tradición galega, a corna, un instrumento que tocaba xa o seu avó e que aparece nas iluminacións das Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio.

O seu interese pola organoloxía, levouno a reunir unha colección de 200 instrumentos de todo o mundo e de distintas épocas. Con esta colección vén realizando un espectáculo, con formato de concerto-monólogo didáctico, baixo o título Resoando no pasado, no que interpreta con estes instrumentos tanto as súas propias composicións, como a música composta por autores contemporáneos. Ese gusto pola mistura de estilos e instrumentos intúese xa no seu traballo Compromiscuo, realizado en colaboración co acordeonista bielorruso Vadzim Yukhnevich. O traballo no ámbito da música contemporánea compleméntase coa interpretación de obras compostas ex profeso para o intérprete, como é o caso do Concerto Misterio de Wladimir Rosinsky, que sería interpretado xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia.

  • Abraham Cupeiro
    Carnyx e instrumentos de vento

© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management