O grupo toma como referente o traballo e a mensaxe de personalidades como Felipe Pedrell, Kurt Schindler, Alan Lomax, Joaquín Díaz ou García Matos, etnomusicólogos e compositores coñecidos por reivindicar unha cultura musical baseada nunha tradición oral de inmensa riqueza e peso artístico.
Vox Suavis pretende construír pontes desde a música medieval e renacentista de raizame culta ata a música popular de tradición oral. Un dos seus postulados básicos é que o estudo e a interpretación da música tradicional facilita a interpretación da música antiga, o que acrecenta o diálogo permanente entre ambos os estilos musicais.
O grupo interpreta varios repertorios con características comúns, arrequecéndose con este contraste. A partir desta idea, Vox Suavis presenta músicas procedentes de diferentes rexións da Península Ibérica (Estremadura, Ávila, Santander, Andalucía...) e diferentes contextos culturais (comunidades sefardís, cantigas galego-portuguesas ou cancións dos séculos XIII, XV e XVI). Un amplo repertorio interpretado por varios músicos, todos eles formados no eido da música antiga.
DOMINIQUE VELLARD - tenor e oud
Comeza a cantar no coro de Notre-Dame de Versailles (Francia) e tras os seus estudos no conservatorio conságrase durante tres anos á obra de Monteverdi. En 1979 funda o Ensemble Gilles Binchois, dedicándose así ao repertorio da Idade Media e o Renacemento. Unha das súas principais vías de estudo é a música de tradición oral, prestando especial atención ao que esta poida achegar á interpretación da música antiga. Ten gravado máis de 40 discos e desde 1982 é profesor de Canto e Ensemble no Departamento de Música Medieval da Schola Cantorum de Basilea (Suíza). É director artístico do festival Les Rencontres Internationales de Musique Médiévale du Thoronet (Francia) desde 1991 e, desde 2003, do festival Les Meslanges du Printemps, en Talant-Dijon.
ANA ARNAZ - soprano e percusión
Comeza os seus estudos de música na escola Miguel Fleta de Huesca (España). Obtén o diploma superior de canto no conservatorio do Liceo de Barcelona coa mención de honra. En Basilea comeza unha especialización en música antiga cos profesores Dominique Vellard e Richard Levitt, na Schola Cantorum. Xunto con Vox Suavis funda os ensembles La Cecchina, de música barroca europea, e Ex Luce, de música popular e contemporánea. Ten actuado en diferentes festivais de Europa e realizado varias xiras en EE.UU. Gravou e realizou concertos con ensembles de música antiga como o Gilles Binchois e imparte regularmente cursos de canto e interpretación da música antiga. Actualmente leva a cabo un estudo sobre a música de tradición oral española.
BAPTISTE ROMAIN - VIELA E GAITA
Comezou estudando violín e composición na escola de música de Rueil-Malmaison (Francia). A seguir continuou formándose no Centre de Musique Médiévale, de París, onde se especializou no repertorio medieval e renacentista e estudou canto, gaita antiga e viela cos profesores Marco Horvat, Jasmin Martorell e Lucie Jolivet. Actualmente estuda na Schola Cantorum de Basilea con Dominique Vellard, Randall Cook e Crawford Young; asemade asiste ás clases de ensemble de Pierre Hamon, no Conservatorio Nacional Superior de Lyon. Traballa regularmente cos ensembles Gilles Binchois (Dominique Vellard), La Morra (Mixaj Gondko), Leones (Marc Lewon) e Les Jardins de Courtoisie (Anne Quentin).
TOBIE MILLER - zanfona, frauta de bico e canto
Estudou frauta de bico e frauta traveseira en Canadá (Universidade McGill: bachelor of music, honours, 2004), e continuou os seus estudos de especialización en música medieval na Schola Cantorum Basiliensis, con profesores como Corina Marti, Kathrin Bopp, Dominique Vellard e Sharon Weller. En abril de 2008 recibiu o seu diploma, coas mellores cualificacións. Participou en festivais de Canadá, os Estados Unidos e Europa como o Boston Early Music Festival, o Internationales Drehleier Festival Wien, o San Franscisco Early Music Society, o York Early Music Festival ou o Festival International de Musique Baroque de Lamèque. Toca con diversos grupos de música antiga como o Ensemble Baroque, de Limoges, La Serena, La Rota e Vox Suavis. Como solista de zanfona barroca tocou a dúo con Matthias Loibner e con directores como Jordi Savall, Christophe Coin e Wieland Kuijken. Ensina regularmente nos cursos de Cammac (Centro musical do lago MacDonald), Over the Water Hurdy Gurdy Festival, Les Journées de la Flûte à Bec de Montréal, así como na Schola Cantorum de Bâle. Gravou para selos discográficos como Atma Classique ou Alpha.
(130 kb)
© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management