Universidade de Santiago de Compostela, maio 2009
Darwin e a Evolución é o lema do ciclo de actividades co que a USC se suma en 2009 á conmemoración do Ano Darwin. Inclúense múltiples conferencias, mesas redondas e ciclos de cine e música.
Dentro desta programación conmemorativa, o vindeiro mércores 27 de maio, ás 20.00 h, no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, preséntase o programa de concerto Escoitas arredor de Darwin e a música nos tempos de Darwin, da man do Grupo Instrumental Siglo XX e do seu director Florian Vlashi.
O programa de concerto explora as relacións da figura de Darwin coa música e estrutúrase en tres partes, respectivamente adicadas á música nos tempos de Darwin, os seus gustos musicais e á teoría da evolución como pretexto para a estrea mundial dunha obra da compositora Helena Palma: A orixe do home - Homenaxe a Charles Darwin. Unha simulación sónica da evolución do home, composta para violín e banda magnética, un poema sónico que está inspirado no libro de Charles Darwin The Descent of Man (1871) e nas súas ideas sobre a orixe e a evolución das especies descendentes do xénero homo. A obra está construída como unha simulación dos sons que, conxectura a autora, poderían constituír a prelinguaxe usada polos seres dalgunhas das especies do xénero homo que precederon evolutivamente ao Homo sapiens moderno.
© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management