Menú de accesibilidade con accesos directos a menús e contidos

Inicio Sirgo Torcendo Logotipo de Sirgo Torcendo

Menú de selección de idioma Menú principal coas seccións fundamentais da web

 

Proxectos

volver

A Porta entreaberta ou as balas do desexo

Espectáculo poético-musical do Grupo Ouriol con poemas de Lois Pereiro, Maio 2011

Non é doado afanarse en vivir cando a dor e a ruína física nos invaden. Só algúns espíritos realmente fortes e xenerosos conseguen asumir a enfermidade e con ela seguir adiante para aprender e comprenderse.

Unha experiencia certamente difícil que Lois Pereiro realiza como unha viaxe até o máis fondo da pulsación humana para, con lúcida serenidade, erguela e transformala en Poesía. Cartas e poemas que nos conmoven pola súa verdade e pola súa eficacia comunicativa. Palabras ou dardos que nos curan coa furia do amor.

O Grupo Ouriol, fiel dende hai tantos anos ao seu obxectivo de comunicar do mellor xeito posible e para todos os públicos a nosa poesía, non podía faltar a esta cita do Día das Letras Galegas con Lois Pereiro.

Por iso propoñemos un espectáculo poético, musical e visual que é en realidade unha historia de amor alén do tempo e contra toda imposibilidade.

A escolla realizada pola poeta Eva Veiga - e voz recitadora do Grupo Ouriol - componse de poemas pertencentes aos libros "Poemas" 1981-1991 e "Poesía última de amor e enfermidade" 1992-1995, así como de fragmentos significativos de "Conversa Ultramarina", longa carta que Lois Pereiro escribe ao amor da súa vida, Piedade Cabo.

Pola súa parte, os músicos Fito Ares (frauta) e Bernardo Martínez (percusión e clarinete) interpretan a música que asemade eles mesmos compoñen ex profeso para os textos do poeta monfortino.

Igualmente contamos neste espectáculo coa inestimable colaboración, por unha parte, do pintor Alfonso Costa na creación de imaxes a proxectar e, por outra, do director teatral Quico Cadaval na dirección escénica.

Imaxe Alfonso Costa

  • Grupo Ouriol
    Fito Ares, Bernardo Martínez e Eva Veiga
    Creación Imaxe
    Alfonso Costa
    Dirección escénica
    Quico Cadaval
    Produce
    Sirgo Torcendo S.L.

© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management