Menú de accesibilidade con accesos directos a menús e contidos

Inicio Sirgo Torcendo Logotipo de Sirgo Torcendo

Menú de selección de idioma Menú principal coas seccións fundamentais da web

 

Proxectos

volver

Mar ao Norde

Espectáculo poético-musical do Grupo Ouriol con poemas de Álvaro Cunqueiro no Centenario do seu nacemento

“En fin,aí van os meus poemas. Eu ollaba así o mundo, as estrelas, os merlos, as noites e os menceres, e o meu propio corazón.” Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro, sen dúbida, un dos nosos escritores máis recoñecidos tanto pola calidade literaria das súas obras como pola súa orixinalidade, naceu o 22 de decembro de 1911 en Mondoñedo (Lugo) e morreu en Vigo o 28 de febreiro de 1981, xa que logo, este ano celebramos o Centenario do seu nacemento.

Poeta, novelista e dramaturgo, entre outras facetas salientables da súa personalidade, deixounos obras inesquecibles para a historia da literatura universal. E se quizais sexa a súa obra narrativa e dramática a que máis sona ten acadado por mor de terse adoito representada ou levada ao cine, a poesía de Álvaro Cunqueiro non deixa de ser unha obra fabulosa que, segundo os seus estudosos, achega no seu momento á poesía galega aires novos de modernidade.

Mais, de todos os xeitos, a poesía de Cunqueiro afonda na emoción, con tanta tenrura, que estremece e igualmente abraiante é a beleza do seu dicir.

O Grupo Ouriol, na liña do seu traballo e dos seus obxectivos que non son outros que comunicar a poesía do mellor xeito posible e a un público heteroxéneo, coida que este ano é unha ocasión feliz para dar a coñecer e compartir a poesía de Álvaro Cunqueiro. De aí a súa proposta, MAR AO NORDE, espectáculo poético musical con poemas de Álvaro Cunqueiro e a música de Fito Ares e Bernardo Martínez.

Os poemas son unha escolla realizada pola poeta Eva Veiga a partires da obra poética completa de Álvaro Cunqueiro: MAR AO NORDE, CANTIGA NOVA QUE SE CHAMA RIVEIRA, POEMAS DO SI E NON, DONA DO CORPO DELGADO e HERBA AQUÍ OU ACOLÁ.

O espectáculo conta, asemade, coa colaboración do artista Alfonso Costa de cuxa autoría son as imaxes, tamén creadas para o recital, a proxectar no decurso da función.

Mago da fala

  • GRUPO OURIOL
    Fito Ares, Bernardo Martínez e Eva Veiga
    CREACIÓN IMAXE
    Alfonso Costa
    PRODUCE
    Sirgo Torcendo S.L.

© 2009 Sirgo Torcendo. Cultural Management